Sunday 05 de May de 2024

A Xunta promove a captación de talento coa incorporación de 15 profesionais menores de 35 anos en 9 entidades da Comarca da Coruña


A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca reforzar a inserción de profesionais cualificados no tecido produtivo galego cunha inversión na comarca da Coruña de 150.000 euros
A Xunta vén de resolver a terceira convocatoria do programa Principia que permitirá a contratación de 50 mozos e mozas titulados en 23 entidades da provincia da Coruña cun investimento de 500.000 euros. Concretamente, na comarca da Coruña se contratarán a 15 persoas en 9 entidades cun investimento total de 150.000 euros. Trátase dunha iniciativa pioneira posta en marcha no ano 2016 para favorecer o mantemento do talento na Comunidade e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos vinculados á I+D+i. A Coruña é a provincia onde se realizarán mais contratos.

Mediante estes contratos, que deberán ter unha duración mínima dun ano, o Goberno galego busca abrir unha porta ao mercado laboral a universitarios ou titulados de FPII con pouca experiencia, xa que o programa está focalizado nos mozos e mozas menores de 35 anos con menos de 36 meses empregados na súa categoría profesional.

Nesta terceira convocatoria -que conta cun investimento público de 1,1M€ que mobilizará 3,4- o 93% das entidades beneficiarias son empresas e o 90% dos contratos concedidos son indefinidos. Ademais, nove de cada dez dos traballadores recibirán máis de 60 horas de formación a cargo da empresa e o 36% dos técnicos seleccionados carece de experiencia laboral, o que confirma que este programa é unha boa ferramenta para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas titulados.

Búscase que lles sirva como anclaxe ao mercado laboral, de forma que sexan contratados polas empresas despois da finalización do programa, reforzando así a competitividade en materia de investigación do tecido empresarial galego. De feito, o 64% dos contratados nas dúas primeiras convocatorias non tiña experiencia laboral e a media de idade non chega aos 28 anos.

Consolídase así este programa pioneiro en Galicia que, desde a súa posta en marcha en 2016, e contando esta nova edición, concedeu axudas para a contratación de máis de 372 profesionais que se traduce nunha mobilización de 11,7 millóns de euros en 158 entidades. Unha iniciativa que trata, ademais, de incentivar a contratación feminina e fomentar as vocacións STEM entre as mulleres e que conseguiu que o 42% dos contratos foran femininos nas dúas primeiras edicións, alcanzando nesta última a práctica paridade laboral.

No marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), a Xunta continúa así a súa aposta pola captación e retención do mellor talento, como unha das ferramentas principais para aumentar a capacidade innovadora do tecido produtivo galego e con ela a competitividade da Comunidade, obxectivo recollido, tamén, no Plan Galicia Innova 2020.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten posto en marcha varios programas cun gran impacto na retención de talento en Galicia. Así, destacan iniciativas como os contratos-programa -que apoian aos centros tecnolóxicos e ás fundacións sanitarias-, as Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa Oportunius, reforzando así a capacidade de innovación de Galicia e tendendo pontes entre os organismos públicos de investigación e o tecido empresarial. Proximamente sumarase, tamén, o novo programa Talento Senior.